“A clase hoxe trasladouse ao castro das Barreiras, en Ogas. Que ben se pasa aprendendo fóra da escola por un día! Subir ás murallas, soñar coas casas redondas dos galaicos, baixar ao profundo foso e imaxinar o difícil que era atacar esta aldea! Os monumentos, as paisaxes, cousas, saberes ou cantares que constrúen o noso pasado son patrimonio. Tes a sorte de poder pisar os mesmos lugares nos que aconteceron todas estas historias. Nunca esquezas respectar e protexer o que nos deixaron os nosos antepasados, para que poidamos seguir debuxando páxinas.”

Castro das Barreiras, Ogas, hoxe.

Texto: Manuel Rial.

Ilustración para “Unha historia de Vimianzo”.

“Como se transformou a paisaxe de Vimianzo en tan pouco tempo! A produción de electricidade coa forza da auga, como a central de Carantoña, ou coa do vento nos parques eólicos xeran grandes impactos. Pero o máis forte vai ser o cambio nos montes e agros. Chega un novo habitante que se multiplica por todas partes: o eucalipto. Abandónase o uso tradicional dos montes para seren enormes plantacións forestais. As leiras tamén se concentran en cadrados máis grandes, con explotacións de vacas que se contan por ducias. A xente deixa as aldeas para vivir en casas novas pegadas ás estradas e constrúese onde nunca antes se fixera.”

Carantoña, 1990’s (hai 30 anos)

Texto: Manuel Rial.

Ilustración para “Unha historia de Vimianzo”

““Ves? Por aí segue o camiño para Baíñas. As nosas leiras quedaron somerxidas”. O Orbellido pasou de ver xente camiño da feira a quedar case como unha illa rodeada pola auga. A gran inundación que provocou a construción do Encoro da Fervenza fixo que moitas persoas tivesen que marchar das súas aldeas para outros sitios ou para a cidade. Contan que perto do Orbellido, no lugar abandonado de Vilarrandío, un veciño negouse a marchar da súa casa até que a auga lle chegou á cociña.”

O Orbellido, Baíñas, 1966 (hai 52 anos)

Texto: Manuel Rial.

Ilustración para “Unha historia de Vimianzo”.

“Son tempos de fame, trala Guerra Civil. A vida era moi dura nas casas vimiancesas. Traballábase de sol a sol no campo, nos montes, cos animais… Compensábase o traballo con días de festa e de reunión, como eran as feiras, a de Baíñas ou a tan famosa de Baio, feita na Piroga, en Bamiro. A panadeira vende moletes baixo o seu cuberto, os oleiros as súas pezas de cerámica. Véndense verduras, patacas, zocos, queixos… Tamén animais, porcos, galiñas, becerros… Soa o violín do cego que conta historias. A feira é unha auténtica festa!”

A Piroga, Bamiro, 1945 (hai 73 anos)

Texto: Manuel Rial.

Ilustración para “Unha historia de Vimianzo”.

Inktober #15

Acabou o inktober hai tempo, pero vou seguir facendo as ilustracións que faltan, ainda que vaia chegar xa o Inktober 2019.

(Fuente: cankente)